Xogo popular de Taboexa: "Lambonciño"

Un dos xogos populares galegos e musicado, chamado "Lambonciño", pódese escoitar en Taboexa, ademáis de en outros lugares do entorno do concello de As Neves e ó outro lado do Miño, en terras portuguesas.

O xogo consiste en facer unha roda grande e collidos da man: home-muller-home-muller..., quedando un apandando no medio (o número de particpantes ten que ser impar). Collidos da man comezamos a andar no sentido da roda cantando o primeiro verso. O que apanda no medio, chamado lambonciño, vai camiñando nun círculo concéntrico en sentido contrario ó noso e batendo palmas. Cando cantamos se aínda non bailou o verde limón soltámonos da man e batemos todos palmas mentres o que está no medio escolle parella e comeza a bailar un pasodobre.

En canto dicimos que se non apuras quedarás lambón temos que coller todos parella e non vale nin a que temos na roda á esquerda nin a da dereita. A persoa que queda sen parella ten que tocar no ombreiro doutros bailadores ou bailadoras para que lle cedan a parella. É obrigado, así que ó que lle tocan no ombro ten que facelo mesmo para non quedar como lambón ou lambona ó remate do cantar.

A letra da canción é a seguinte:


Este lambonciño que aínda agora entrou (bis)
deixádeo bailar que aínda non bailou (bis) *
Se aínda non bailou o verde limón (bis)
escolle parella que te-la ocasión
que se non apuras quedarás lambón.
O lambón, lambón, o lambón das herbas (bis)
tes unha parella e non a conservas (bis) **


* Na letra orixinal empregan o verbo beillar, e din beillou.
** Orixinariamente entréganche as mozas e non as conservas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

El mítico Monte Medulio en As Neves