Relato corto "A Espada do Fidalgo"

Autor: Manuel Lugrís Freire (Sada, 11 de febrero de 1863 - La Coruña, 15 de febrero de 1940) fue un escritor y activista galleguista, director o cofundador, entre otras muchas, de la Escuela Regional de Declamación, de la Real Academia Gallega y de las Irmandades da Fala.)

A ESPADA DO FIDALGO (1)

A MEU IRMÁN PLÁCIDO (2)

O fidalgo de Taboexa (3), Pedro de Aldao (4), acababa de chegar de Ponteareas. Déranlle alí noticias de que aquela mañán —do 7 de Setembre de 1658— saíra de Pontevedra o exército gallego que, ó mando do marqués de Viana, don Rodrigo de Pimentel, iba a Portugala loitar contra dos portugueses, que non querian ve–la súa terra asoballada por xente estranxeira.

—Fidalgo de Taboexa, —decíalle en Ponteareas o seu parente oseñor de Guimarei— xa sabedes que Portugal non quere vivir axuntado cos demais reinos de España, e fainos a guerra. Os nobres gallegos, respondendo ó chamamento do Capitán xeneral de Galicia, foron a alistárense baixo das bandeiras do noso señor El–Rei don Felipe IV. Faltáchedes vós, fidalgo; vós que tedes sona de home valente, que vos vén de casta, e de entendido no arte da guerra. Todos din que sodes un mal gallego que non queredes defende–las bandeiras de El–Rei.

—Señor de Guimarei, meu nobre parente, as vosas derradeiras palabras magóanme en verdade, mais non penso pedirvos conta delas. Sodes, como os demais nobres e fidalgos desta terra, vítima da iñorancia, do desconocimento da nosa historia, das verdadeiras necesidades de Galicia, do que nos convén para o noso porvir, e coidades que nesta guerra debemos toma–lo partido de El–Rei Felipe. ¡Como esquencedes, meu nobre parente, como esquencedes esta terra que tantos desleigamentos e aldraxes sofre dos orgulosos casteláns! Portugal é moi semellante a Galicia, falan a mesma lingua, teñen os mesmos costumes, e polo tanto as mesmas leises. Portugal é sangue do noso sangue, vida da nosa vida. Os seus trobadores, os seus grandes poetas, a musa do pobo, encenderon a súa alma no mesmo verbe que Dios nos deixou en herdo. Non sabedes, meu nobre parente, que estades forxando os grilóns da cadea que ten de escravizar para sempre á nosa patria, que despois verá os seus costumes, a súa fala, as súas leises, todo canto é seu, aldraxado, perseguido por xentes que nos desprecian moito, que vós ben o sabedes.

Os reises de Castela gobernan as Españas a estilo estranxeiro, que tan mal cadra para defensa e conservación das nosas libertades. As causas que ergueron a espada dos hemandinos repítense hoxe con máis gravedade, sin que os fillos da terra volvan polo seu honore. ¡Señor de Guimarei, a espada dos meus avós, a espada que fai agora cento setenta e seis anos xustos que escentilou en Castro de Ouro defendendo as nosas libertades, non pode de ningunha maneira erguerse nunha loita que vai poñer unha campa sobre a nosa independencia morta para sempre! ¡Seguide vós esas bandeiras! Eu teño que ouír a voz da razón, que me di que Portugal é noso irmán e que co el debemos vivir baixo das mesmas tendas! Non fagamos que outro poeta lusitán do porvir teña razón, coma a tivo Camões ó dirixirnos reprimendas, que nos avergoñen espertando un remordimento decote duro e merecido!

E o nobre e valente fidalgo Pedro de Aldao deixou a compaña do señor de Guimarei, e tornou ó seu pazo de Taboexa.

O serán era maino, tristeiro, saudoso. O sol, agachado xa Baixo dos altos picoutos de Salce, tinxía aínda de cor vermella o hourizonte.

O fidalgo abreu a fenestra, e debruzouse, triste e saudoso, a olla–lo camiño que levaba á raia de Portugal.

Un balbordo forte viña do norte. A espada dos fidalgos de Taboexa, guindada na parede ó rente dun Santo Cristo, tremou co aquel balbordo, coma un corpo vivo que sinte carraxe. Despois oeuse o barullo de moitas xentes: eran as tropas gallegas que iban loitar en contra de Portugal. Deran as oito da noite cando tiña pasado todo o exército.

Pedro de Aldao pechou a fenestra. Sentouse nun sillón frente do Santo Cristo, e dixo:

—¡Meu Dios! ¿Por que te esquences desta terra quirida que ten por armas o Santo Sacramento? ¿Por que non espertas o entendimento dos gallegos que se esquencen da súa libertade? ¿Que mal che fixo esta terra para que, cal ó pobo xudío, xa non lle quede nin siquera a esperanza da posesión do seu?

E o fidalgo de Taboexa colleu e espada de seus avós, parteuna en dúas mitades, e ceibouna no chan, dicindo cos ollos cheos de vagaos e cos puños fortemente pechados:

—¡Adiós para sempre! En favor dos alleos que te desprecian non loitarás, xa que non terás ocasión dende hoxe de loitar pola terra dos meus avós...

Notas:

(1) Publicado n’ A Nosa Terra, nº 25, 4 de febreiro de 1908, p. 5. Foi incluído na edición de 1909 e nas sucesivas.

(2) O mesmo que Manuel, Plácido Lugrís Freire estivo na emigración. A relación entre os dous irmáns debeu ser boa, se temos en conta esta dedicatoria e outras máis de poemas.

(3) Parroquia do concello de As Neves, limita con Celeiros e Vilacova polo norte, Meder e Rubiós polo sur, Batallás, Ribarteme e Rubiós polo leste e Lira e Leirado polo oeste.

(4) Pedro de Aldao foi un militar que participou na creación dun exército en Pontevedra que formou parte, en 1658, das filas do Capitán Xeral de Galicia, Rodrigo Pimentel, marqués de Viana, para loitar cos portugueses. Participou na guerra contra Portugal, na toma de Lapela e da fortaleza de Salvaterra. No 1668 embarcou en Vigo para tomar parte na campaña dos Países Baixos á fronte do “Tercio de Valladares”. Foi nomeado gobernador de Henault e no 1683 defendeu Brujas fronte aos franceses, acción na que perdeu a vida.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Xogo popular de Taboexa: "Lambonciño"

El mítico Monte Medulio en As Neves