Taboexa, o recanto dos alacráns

Foi na aldea de Taboexa, pequena parroquia pendurante das abas orientadas cara ao mediodía do Sanomedio, egrexia montaña que se alza ata os 689 metros de altura, onde tivémo-las primeiras experiencias cos alacráns.

Na baiuca, das poucas que aínda van quedando agochadas nas aldeas do interior, onde, como nos grandes stores das cidades se pode comprar dende unha vela para as ánimas, unhas botas de auga ou unhas galletas maría, atendía a señora Carme Gregores. O día era abrasador. As sete do serán daquel mes de agosto de 1999, o sol aínda estaba no alto e nós soamente queriamos unha cervexa fría para mata-la sede dunha tarde de excursión pola montaña. A cantineira trouxo a bebida e deixouna aberta sobre un mostrador cheo das cousas máis diversas, sen vaso nin aperitivo que a acompañase, ó carón mesmo dunha botella de gasosa hermeticamente pechada.

Cando a mirei, non podía dar crédito o que os meus ollos estaban a ollar: nela había como unha ducia de alacráns ibéricos Buthus occitanus en conserva. E nunca mellor dito, xa que estaban fritidos en aceite de oliva, apertados uns sobre outros. Entón, puiden saber que alí, naquela familia, aínda había quen subía aos outeiros a cazar escorpións nas tardes de verán, os fritía e metía «na súa salsa» nunha botella para conservalos, na espera de que puidesen aliviar a algún veciño dunha posible picadura, tanto destes bechos, como de víboras, avésporas ou outras sabanduxas indesexables... Pouco despois, puiden coñecer en persoa ao único cazador desta caste que proporcionaba alacráns dabondo a toda a bisbarra: Xosé Groba Gregores, ó fillo maior da señora Carme. Ata ese momento, ninguén sabía que en Galicia existisen alacráns en liberdade e ao máximo que chegabámo-los naturalistas era a velos en tendas de animais. Con Xosé fomos algunhas tardes a que mostrara os segredos da súa cacería. Aprendimos a diferenciar dunha ollada os tobos dos grilos inocentes dos que practica este arácnido asasino, a meter no canto dunha palliña xiratoria, un rexo arame de punta curva e a cantarlles en voz baixa e monótona para os animar a saír do seu burato:

«Aliscrán, aliscrán. Aliscrán, aliscrán toma viño, toma pan pai e fillo de aliscrán sae pra fóra, xa verás prendereiche polo rabo como pronto comerás inda que non sexas parvo...»

Convertímonos, deste xeito, en estudiosos dos costumes destes animais crepusculares, aprendimos a respectalos e propuxemos, dende o Concello das Neves, onde se atopa a aldeíña de Taboexa, ata a Consellería de Medio Ambiente, na capital do Reino, un recanto protexido para que estes invertebrados de mala sona puidesen afronta-lo futuro con esperanza. De momento, o proxecto de crear un espacio onde os únicos alacráns galegos puidesen sobrevivir sen a certeza de morrer fritidos é unha entelequia, pero non desistimos, pois hai moitos anos que nos alimentamos de quimeras.

Nota: publicado en la Voz de Galicia el 05/12/2003 por Estanislao Fernández de la Cigoña (investigador, escritor y ecologista)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Xogo popular de Taboexa: "Lambonciño"

El mítico Monte Medulio en As Neves